O proxecto Samieira en Imaxes



Samieira en Imaxes é un proxecto colaborativo de valorización do patrimonio local mediante a recompilación de arquivos multimedia, a dixitalización de álbums fotográficos familiares e a súa proxección nun espazo web. Forma parte da iniciativa Samieira Dixital, un espazo na rede, de información e actualidade, que busca destacar os valores históricos, culturais e medioambientais de Samieira, unha localidade situada na beira norte da ría de Pontevedra de gran valor patrimonial e paisaxístico.

Quen pode participar neste proxecto?

Calquera. Samieira en Imaxes é un proxecto aberto, mantido por cidadáns, no que calquera persoa que o desexe pode colaborar. Varias persoas están xa a traballar de xeito altruista nesta iniciativa.

Por que é importante a túa contribución?

A túa participación é moi importante xa que este proxecto non recibe financiación de ningún tipo nin tampouco apoio de carácter institucional.

Como podo participar?

Podes participar enviando arquivos ou suxestións: buscamos fotografías modernas e antigas, arquivos audiovisuais e outros documentos gráficos da localidade (debuxos, planos antigos, etc...) co fin de expolos de xeito accesible neste espazo dixital para que todos/as podan gozar dos mesmos.

Tamén podes colaborar na mellora do sitio enviando avisos de erros, grallas ou defectos de funcionamento.

Quen ten a propiedade dos contidos?

Samieira en Imaxes só exhibe obras propias, públicas ou cedidas. Actúa únicamente como divulgador das mesmas ofrecendo un espazo para o seu coñecemento. O proxecto garante en todo caso o recoñecemento da autoría das obras. Como autor/a sempre manterás intactos os teus dereitos sobre ela/s e en calquera momento, ademáis, poderás retirala/s se é o teu desexo.

Como envío os arquivos?

Se queres contribuír á construción deste espazo podes empregar o formulario de contacto da páxina ou o enderezo electrónico: samieiradixital@gmail.com. Samieira en Imaxes pon ao teu dispor a infraestrutura humana e tecnolóxica para que podas dar a coñecer os teus traballos audiovisuais. Xunta nun único lugar o esforzo de todos/as xerando con iso un fermoso álbum colectivo.

Que outras formas hai de apoiar o proxecto?

Divulgándoo, axudándonos a difundilo, compartíndoo no teu blog ou espazo web para que outras persoas podan disfrutar dos seus contidos. Tamén mediante a participación nas redes sociais. Publicamos cada nova incorporación a este catálogo audiovisual no facebook da iniciativa Samieira Dixital.

PARTICIPAR

IR A FACEBOOK